sábado, 3 de xuño de 2017

O xacemento arqueolóxico de Cova Eirós, outras 4 covas, un camiño real e o camiño francés en perigo.

. Cinco covas, cinco bens de interés cultural, un camiño real e o camiño de Santiago, patrimonio cultural en perigo pola actividade mineira a ceo aberto na parroquia de Cancelo, en Triacastela.

O xacemento arqueolóxico de Cova Eirós, a nosa orixe.

Cinco covas, cinco bens de interés cultural, un camiño real e o camiño de Santiago semellan non ser patrimonio cultural dabondo para que a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recoñezan á Cova Eirós como xacemento arqueolóxico.
O recoñecemento de Cova Eirós como BIC é limitado pola Xunta de Galicia á categoría de monumento, posto que tan só recoñece o valor cultural das pinturas do seu interior e da viseira da cova.
 O Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e a Xunta de Galicia ignoran o potencial arqueolóxico do conxunto de covas da parroquia do Cancelo, en Triacastela (Lugo).
A Xunta de Galicia condiciona a protección do xacemento de Cova Eirós á finalización da vida útil da empresa mineira que explota a ladeira sur do monte Penedo, onde se ubica o xacemento arqueolóxico de Cova Eirós.
A Xunta de Galicia limita a contorna de protección da Cova Eirós á 50 metros, en contra do criterio do Consello da Cultura Galega, máximo órgano asesor en materia de cultura, que a fixa en 200 metros.

O 2 de maio de 2017 publicouse no DOG nº 83 a RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2017, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural coa categoría de monumento a Cova de Eirós, sita no lugar de Cancelo, na parroquia de San Cristovo de Cancelo, no termo municipal de Triacastela (Lugo).
Sen embargo, a citada resolución é espúrea e contraria ao INFORME DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA ao fornecer os intereses mercantilistas da empresa cementeira COSMOS, que explota a ladeira sur do monte Penedo, onde se sitúa o xacemento arqueolóxico.

Explotación da ladeira sur do Monte Penedo, pola empresa Cosmos. 

 
A Xunta de Galicia recibe as alegacións de colectivos como a Asociación Cultural O Iribio de Triacastela, a Asociación Verdegaia, a Asociación Sexta Columna de San Fins de Lousame, a Asociación Petón do Lobo, a Asociación Ouriol do Anllóns, a Asociación galega Cova Crea e outros colectivos diversos, non conformes coa consideración de Cova Eirós como monumento e coa escasa protección que se lle outorga ao xacemento arqueolóxico, posto que a Xunta condiciona a súa protección, ao remate da vida útil da actividade mineira a ceo aberto que Cosmos realiza no ladeira sur do Monte Penedo, onde se ubica o xacemento arqueolóxico.

AS CINCO COVAS DA PARROQUIA DO CANCELO, EN TRIACASTELA.

·         COVA DE EIRÓS. Cova inscrita no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos co código GA27062008. É o único ben que se inclúe no presente expediente.

·         COVA DA CABAXA*. Cova inscrita no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos co código GA27062010. O seu nome está errado, o nome real é COVA DA CATUXA. Non se incluiu no presente expediente.

·         COVA DA GRAXEIRA*. Cova inscrita no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos co código GA27062024. O seu nome está errado, o nome real é COVA DA GRALLEIRA. Non se incluiu no presente expediente.

·         COVA DA FONTE. Cova da que non temos constancia que estexa inscrita no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos, apesar de que a Administración competente en Patrimonio Cultural ten coñecemento dela.

·         COVA DAS ROZADAS.  Cova da que non temos constancia que estexa inscrita no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos, apesar de que a Administración competente en Patrimonio Cultural ten coñecemento dela.


A cova de Eirós, cova da Cabaxa (nome correcto é «Catuxa») e cova da Graxeira (nome correcto é «Gralleira»), todas elas inscritas no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos, tendo coñecemento da súa existencia a Administración competente en Patrimonio Cultural desde hai moitos anos, foron obxecto o informe do CCG citado anteriormente, organismo consultivo que no seu parecer determina na conclusión PRIMEIRA que «tendo en conta as características propias das covas de Eirós, Graxeira e Cabaxa, así como os informes emitidos pola Xunta de Galicia, estes bens deben ser considerados Bens de Interés Cultural por ministerio da lei que, como tales, forman parte do Patrimonio Cultural de Galicia», sendo por tanto ben claro e contundente este Organismo no seu parecer, que claramente manifesta que todas elas deben ser declaradas BIC, non só a de Eirós.

A cementeria Cosmos, propietaria da Cova, na explotación do xacemento mineiro a ceo aberto.

 Nese mesmo informe, o CCG chega a esa conclusión porque «son lugares nos que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana ou atropolóxica». Ou sexa, o CCG determina que para a declaración de BIC desas covas non é preciso que sexan sexan realizadas campañas arqueolóxicas previamente, senón que exiten xa evidencias suficientes que manifestan o seu interese para estudos posteriores. Ese interese está recoñecido, motivo polo que  e encontran inscritas desde anos atrás no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos,

 Así mesmo, na conclusión SEGUNDA expresa «tendo en conta a situación actual das Covas e as ameazas derivadas da explotación mineira da sua contorna, urxe proceder á sua declaración formal como BIC, que garanta unha acaída protección delas e do seu contorno». Novamente a conclusión é esmagadora, engadindo que a declaración de BIC é urxente e necesaria dado que eses bens perigan e non pode esperarse a que se realicen nelas campañas arquelóxicas, pois a actividade mineira que as ameaza  ao estaren todas elas están dentro do perímetro autorizado dunha concesión mineira crea unha situación de desprotección, e segundo o CCG só a súa declaración formal como BIC garante a protección tanto deses bens como da súa contorna.

A Xunta de Galicia limita a protección do xacemento arqueolóxico de Cova Eirós, polo ladeira sur, onde se ubica a explotación da cementeira Cosmos. A Xunta de Galicia condiciona a súa protección ao fin da vida útil da mina.

 A contorna das covas, ou sexa, a sua indisociación do territorio ao seu redor e do sistema de covas que no seu conxunto forman é outro aspecto no que tamén incide o parecer do CCG reiteradamente, e na conclusión CUARTA determina que «de igual xeito e tendo en conta a singular relación das covas co seu contorno, é preciso poñer en marcha as actuacións para a elaboración dun plan de protección e delimitación do BIC que comprenda tamén as interaccións existentes coas unidades paisaxísticas existentes e o trazado do Camiño de Santiago, así como proceder á urxente rehabilitación da cobertura vexetal no contorno da cova [de Eirós] para restaurar o réxime hirolóxico orixinal das augas subterráneas». Resulta evidente que ainda que hai algunhas medidas urxentes para a Cova de Eirós, o CCG está constantemente a falar do BIC para o conxunto das covas e territorio no que se situan, co que gardan unha singular relación que tamén é obxecto de interese, e de aí que se incida nun plano de protección no sentido de figura de planexamento urbanístico dun ámbito territorial que inclue o conxunto desas covas, a figura do Plan Especial de Protección que se contempla no capítulo III da Lei do Patrimonio de Galiza. O CCG determina que un simple contorno de protección, que debería ser de 200 metros segundo a lexislación de aplicación é unha medida cautelar entretanto non se proceda á declaración formal de BIC, pero que a protección definitiva será unha zona mais ampla que englobe o conxunto das covas e veña definida polo Plan Especial de Protección.

A Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega discrepan á hora de protexer o xacemento arqueolóxico de Cova Eirós.

 
O CAMIÑO REAL

Por outra banda, está o Camiño real, camiño histórico de gran importancia e tamen afectado pola explotación mineira de Cosmos. As súas orixes remóntanse á época romana no contexto das denominadas  “vías augustas”, constituíndo un enlace de conexión entre dúas das grandes vías de comunicación, a “Vía XIX” que unía Lucus Augusti (Lugo) con Asturica Augusta (Astorga) e a denominada a “Via Antigua”que unía Bergdunum (Bierzo) con Mons Mortis (Monforte), e que probablemente contiuaba cara o norte ata o mar Cantábrico pasando por Pons Naviae. Na Idade Media transformouse en Camiño Real, adquirindo gran importancia comercial. Existe numerosa documentación histórica sobre o mesmo, tanto en documentos de Tombo do Mosteiro de Samos, como en diversos documentos de apeos, aínda que destaca especialmente o Preito da Real Audiencia sobre servidumes de camiños de 1577 conservado no Arquivo do Reino de Galicia, xa que trata especificamente sobre este tramo, titulado “Los Vecinos de Laguna, los de Lamas y los de Cancelo con los de Triacastela, sobre ir por aquellos lugares al Camino Real”, tratándose o privilexio de non pagar peaxe polo seu uso ao  ser un camiño real. Así mismo, dado que este camiño neste tramo sirve de límite entre as parroquias de Cancelo e Vilavella, descríbese con total claridade no Catastro de Ensenada en 1752.

Os intereses da cementeira Cosmos condicionan a protección do xacemento arqueolóxico de Cova Eirós como Ben de Interés Cultural.

 DISCREPANCIAS ENTRE O CONSELLO DA CULTURA GALEGA E A XUNTA DE GALICIA EN RELACIÓN Á PROTECCIÓN DAS COVAS E O CAMIÑO DE SANTIAGO.

Mais concretamente no referente ao contorno de protección o CCG informa especificamente para a Cova de Eirós para  «no momento de determinar o contorno de proteción non se trata tan só de monitorizar a galeria da cova para controlar a auga das filtracións e os efectos que se provoquen "sismicamente" pola explotación nos extremos e interior da cova, así como no macizo máis inmediato ea este que queda sen explotar actualmente, senón que tamén se debería tratar de conservar a solidaria unidade de Cova Eirós e o monte que a soporta, así como a unidade perceptiva interior-exterior, sobre todo na zona onde está situada a entrada da cova, e dos obxectos que contén ainda sen investigar» e «...o descarnado macizo cacario cos procesos ccarsticos que contén e que bordean a galeria da Cova Eirós e dan a imaxe da zona paleo-arqueolóxica deste BIC que é, como vimos dicindo, en si mesmo unha unidade». En relación ás outras covas, situadas no macizo do Monte da Pedra e onde ainda non se realizaron actividades mineiras malia a estaren dentro do perímetro de explotación, despois de determinar que se debe delimitar un contorno mínimo de 200 metros e un Plan Especial de Protección o parecer manifesta «... con estas actuacións preténdese protexer os valores materiais e inmateriais mobles e inmobles ainda non danados, restaurar os valores imprescindibles daquilo que se velou culturalmente e rehabilitar o ambiente no resto intervido da zona paleoarqueolóxica e da zona de respecto do Camiño Francés»
Detalle da ladeira oeste do Monte Penedo, Triacastela.
Ou sexa, ao CCG claramente lle parece que a actividade mineira nesa zona está fora de lugar e do que se trata é de rehabilitar a parte destruída no Monte Penedo, recuperando na medida do posible o seu estado orixinal desde un punto de vista paisaxístico e medioambiental, con urxencia na restitución do réxime hidrolóxico orixinal e a cobertura vexetal, ao tempo que a protección da zona do Monte da Pedra contígua á zona de respecto do Camiño Francés onde se atopan as outras covas para evitar que sufra a mesma sorte que o Monte Penedo. Constantemente se manifesta a unidade de toda a zona paleo-arqueolóxica, que inclue todas as covas e a sua unidade cos macizos calcáreos onde se atopan. Así mesmo, o parecer do CCG realiza diversas consideracións tendo en conta a lexislación de aplicación, tendo en conta a Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galiza, a Ley 16/1985, de 25 de junio, del Patrimonio Histórico Españo, e a Lei 2/2016, do solo de Galicia no referente ao solo rústico de especial protección patrimonial, que ao non contar o Concello de Triacastela con planeamento propio se rexe polas Normas Subsidiarias Provinciais aos efectos dos contornos de protección para os bens patrimoniais definidas nos mesmos. Ou sexa, entra no fondo e forma do asunto.
Segundo o Consello da Cultura Galega o xacemento de Cova Eirós debería contar con unha contorna de protección de 200 metros. A Xunta de Galicia limita a protección a 50 metros.
Existe polo tanto unha absoluta discrepacia de criterios entre o disposto na LPCG que son os criterios que sigue o Consello da Cultura Galega no seu parecer, que manifestan unha clara incompatibilidade entre a continuidade da explotación mineira (a zona xa explotada debe ser restaurada e a zona sen explotar debe ser protexida); e por outro lado os criterios da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que parte da «condición» da continuidade de actividade mineira e se limita a trazar os mínimos contornos de protección de xeito que non entorpezan esa actividade mineira, limitándose a protexer a boca da Cova de Eirós na cara norte, sen calquera consideración relativa a aspectos tan importantes como o ámbito territorial da zona arqueolóxica no que se sitúa un conxunto de covas, a relación das covas cos macizos calcáreos, as consideracións hidrolóxicas que son esenciais en macizos cársticos onde a auga determina determinados procesos e pode pór en perigo os bens, a paisaxe e visibilidade desde km e km do Camiño Francés que pasa próximo, accións que poden deteriorar o ben como explosivos, vibración de maquinaria, etc.






Asociación ambiental e Cultural Petón do Lobo
Mapa e información proporcionada pola Asociación cultural O Iríbio.